
- Este evento pasou.
Ailá

Ailá é un grupo de música de Santiago de Compostela, gañador dos premios Martín Códax da Música 2023 na categoría de Música Tradicional. Foi seleccionado para representar a Galiza no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2024, no WOMEX 2023 (a maior feira de industrias musicais do mundo), no Festival Interceltique de Lorient 2023 e no Celtic Connections de Glasgow 2020.
No 2024 tamén foi unha das propostas galegas escollidas para o stand de Galiza no FITUR, un encontro global para os profesionais do turismo celebrado en Madrid. Ailá emerxe das máxicas foliadas na Casa das Crechas. Unha proposta inspirada no respecto á tradición e á música patrimonial galega, pero cunha visión sen fronteiras, mesturada con aromas, ritmos e cores doutros lugares e doutras culturas, aberta ao mundo sen complexos e, sobre todo, coa ilusión e curiosidade de todo aquel que ama o que fai.
Ailá é un dos representantes máis novos do Tradi, un xénero que excede ao musical no que a danza e a música pasan a converterse nun xeito de entender a vida, un xeito de estar no mundo.
